Thursday 02 de May de 2024

FEIRACO patrocina os VI Premios Stephen Hawking, que se entregarán este venres no IES Rosalía de Castro de Santiago


 

  • Un total de 54 traballos aspiran a alzarse coa sexta edición deste premio, coordinado por Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC, baixo o lema “Intelixencias”
  • A presentación dos traballos terá lugar este venres 19 de abril de 9:30 a 13:30 horas no IES Rosalía de Castro, que acollerá a entrega de premios de 19:00 a 20:30 horas

 

A empresa láctea FEIRACO, integrada na cooperativa rural galega CLUN, patrocina a sexta edición dos Premios Stephen Hawking, que serán entregados este venres 19 de abril no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Uns premios que teñen como obxectivo difundir a cultura científica e estimular a vocación investigadora entre o alumnado de bacharelato e ao que aspiran 54 traballos presentados por estudantes de once institutos: nove galegos, un de Soria e outro de Madrid.

O certame, coordinado por Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961), catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, foi convocado polo IES Rosalía de Castro e conta coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, FEIRACO, Finsa e Ternera Gallega.

Os traballos concorrentes xiran en torno a dous eixos: a figura de Amparo Alonso Betanzos e a súa contribución á intelixencia artificial; e a lenda desta edición: “Intelixencias”. Iso significa que os traballos presentados teñen que estar vencellados aos campos da bioloxía e xeoloxía, da física e a química, das matemáticas, do ámbito tecnolóxico, das ciencias sociais ou de índole artística.

Os traballos serán presentados diante do xurado nos laboratorios de bioloxía e física do IES Rosalía de Castro entre as 9:30 e as 13:30 horas, a razón de 10 minutos por traballo máis outros cinco de debate. Os premios serán entregados ás 19:00 horas no salón de actos do instituto compostelán, cunha conferencia de Amparo Alonso Betanzos e cun cóctel con produtos de FEIRACO.

Os centros participantes nos VI Premios Stephen Hawking son: IES Arcebispo Xelmírez II e IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES Brión (Brión, A Coruña), IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Lucus Augusti e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Blanco Amor (Ourense), IES Xermán Ancochea Quevedo (Póboa de Trives, Ourense), IES Val Miñor (Nigrán, Pontevedra), IES Castilla (Soria) e IES Ramiro de Maeztu (Madrid).

Deja un comentario